19.10.16

Aznar, Rejoy, ministros, ministras e a corrupción do PP

"O PP é un partido corrupto e por iso está procesado (por destruír os ordenadores de Bárcenas con información sobre o financiamento ilegal do partido), caso único na historia da democracia. Non podemos calar e debemos denunciar a corrupción, tamén cando Rajoy e Feijóo gañan as eleccións. 
 
O financiamento ilegal do PP, a caixa B e o diñeiro negro non foron casos excepcionais, senón unha práctica habitual desde 1987, primeiro como AP e despois con Rosendo Naseiro de tesoureiro de Fraga e Aznar como presidentes do partido. Cando sucede a Fraga, Aznar supervisaba e daba directrices sobre o financiamento ilegal do PP, segundo Naseiro.

Os chamados papeis de Naseiro xa desvelaban a contabilidade secreta do PP, cunha conta oculta que, daquela, movía 204 millóns de pesetas entre ingresos e cheques ao portador. Só entre 1999 e 2007 o PP recibiu 33 millóns de euros en doazóns (23,7 millóns de procedencia anónima), segundo o tesoureiro Luis Bárcenas, destinadas ao pago de sobresoldos e campañas electorais.

Nesta trama de corrupción e financiamento ilegal están implicados numerosos dirixentes, cargos públicos e todos os tesoureiros do PP. En varios artigos imos falar dos presidentes Aznar e Rajoy e de 18 dos seus ministros e ministras, moitos deles cunha estreita relación coa trama Gürtel (para esta terza feira 4 de outubro está axendado o comezo da primeira parte do xuízo), implicados en casos de corrupción e que cobraron sobresoldos procedentes da caixa B do PP.

Estamos a falar dunha corrupción extraordinaria. Segundo os informes que a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía remitía ao xuíz Pablo Ruz en febreiro de 2014, a Gürtel moveu 25,57 millóns de euros en diñeiro negro, froito dos seus contactos cos gobernos de administracións controladas polo PP. 

Os apuntes da caixa B do PP recollen que Francisco Correa, principal dirixente desta trama corrupta, facturou en diñeiro negro 3,9 millóns de euros no ano 2002, 4 millóns en 2006 e 6 millóns de euros en 2007. Esta información está recollida con moito máis detalle no libro Indecencias e corruptelas, que publiquei en 2015.

José María Aznar. Presidente do goberno (1996-2004), tiña unha excelente relación coa Gürtel, facilitando os seus negocios. Correa foi un dos invitados na voda da súa filla Ana con Alejandro Agag e facía un regaliño ao presidente Aznar de 32.452 euros, que era o custo da iluminación do evento. Ana recibía tamén outro regaliño de Álvaro Pérez “El Bigotes” en Nadal de 2002, un móbil de edición limitada de 1.250 euros.

Aznar e a súa esposa, Ana Botella, crearon en 2004 a sociedade Famaztella SL. (familia Aznar Botella) para xestionar os seus ingresos por conferencias, publicacións e outras actividades. No peor ano da crise, a sociedade familiar de Aznar tivo en 2009 uns ingresos de 620.732 euros e un beneficio de 445.417 euros. 

Fundouse cun capital de 3.000 euros e en cinco anos xa tiña un patrimonio acumulado de 1,6 millóns de euros. Con Famaztella aforraban 200.000 euros na súa declaración a Facenda, xa que tributaban así polo imposto de sociedades e non polo IRPF, que é o dobre. 

A Axencia Tributaria fixo unha inspección en 2013 sobre as súas declaracións de 2009 e 2010 do IRPF e do imposto de Sociedade de Famaztella e por esas irregularidades tivo que facer unha liquidación complementaria de 199.052 euros e foi sancionado co pago de 70.403 euros. Aznar era perfectamente coñecedor do fraude que cometía porque é inspector de Facenda.

Ademais dos seus ingresos como deputado, Aznar cobrou 782.695 euros do PP como sobresoldo entre 1990 e 1996, segundo a contabilidade oficial do partido que investigaba o xuíz Pablo Ruz. Este político “exemplar” cobra anualmente 80.000 euros como ex–presidente (ten, ademais, dereito a chófer, escoltas, secretaria e asistente particular) e recolocouse poucos despois de deixar o cargo público: consello de administración de Endesa (empresa pública que el privatizou) cuns ingresos anuais de 200.000 euros, e tivo tempo para participar en News Corporation, conglomerado empresarial de medios de comunicación do magnate Ruper Murdoch, cuns ingresos de 160.000 euros en 2010. 

E Aznar continúa polo mundo adiante, dando conferencias con receitas económicas neoliberais e leccións de ética.

Mariano Rajoy. Ministro de Administracións Públicas con José María Aznar (1996-1999), ministro de Educación e Cultura (1999-2000), ministro do Interior (2001-2002), ministro da Presidencia (2000-2001 e 2002-2003), presidente do Goberno desde decembro de 2011 e presidente do PP desde outubro de 2004. 

Nomeou Luis Bárcenas como responsábel de Finanzas do partido no congreso do PP de 2008 e cando se descobre que Bárcenas tiña millóns de euros en Suíza, dá un sabio consello ao tesoureiro: “Sé forte”, que traducido significa “non cantes”, non descubras a existencia do diñeiro negro e do financiamento ilegal do PP.

A contabilidade oficial do PP recolle que Rajoy recibiu 1,58 millóns de euros entre 1990 e 2011. Na contabilidade B do PP, feita pública polos papeis de Bárcenas, aparecen os sobresoldos que recibían durante vinte anos os secretarios executivos, ministros e ministras, cargos públicos e outros membros do partido, procedentes do diñeiro negro que ingresaba o PP procedentes de construtores, empresas de seguridade e doazóns. Entre 1997, co goberno de Aznar, e 2008, Rajoy recibiu en sobresoldos 322.231 euros en 35 entregas.

Rajoy é Rexistrador da Propiedade desde 1978. Non está nada claro se é legal desfrutar dos beneficios como rexistrador en numerosos destinos (Vilafranca do Bierzo, Padrón, Berga, Elxe ou Santa Pola) mentres ocupaba sucesivos cargos institucionais.

Francisco Álvarez Cascos. Ministro da Presidencia (1996-2000), ministro de Fomento (2000-2004). Secretario Xeral do PP (1989-1999). Era ministro de Fomento na catástrofe do Prestige e pola súa nefasta xestión recibiu da Xunta do PP a Medalla de Ouro de Galicia en 2003.

Actuou como tesoureiro en funcións do PP entre 1990 e 1993 (cando demite Naseiro, até que chegou Álvaro Lapuerta) e era coñecedor da existencia da caixa B. Despois da detención de Rosendo Naseiro, en abril de 1990, entregou a Bárcenas as chaves da caixa con oito millóns de pesetas.

Para a UDEF, Cascos sería un dos principais receptores de comisións procedentes da rede corrupta Gürtel. O mesmo Correa manifestaba: “Leveille a Bárcenas 1.000 millones de pesetas. Leveillo a Génova [sede do PP] e á súa casa. Todo de adxudicación de obras de Fomento, cando estaba Cascos”.

As siglas PAC (Paco Álvarez Cascos) aparecen, segundo a Policía, “vinculadas ao reparto de beneficios xerados con motivo da execución de accións das campañas eleitorais de 2003 e 2004”, resultado dun contrato de prestación de servizos publicitarios para o PP  por parte de Rialgreen SL. Por máis de tres millóns de euros. Cascos recibiría 41.172 euros dos beneficios desa empresa.

Cando Cascos chega ao ministerio de Fomento designa Ángel López de la Mota como responsábel de comunicación de AENA, persoa imputada por recibir da Gürtel “dádivas en efectivo e en especie” (600.000 euros en viaxes e reformas na súa vivenda) a cambio da adxudicación a empresas da Gürtel de contratos de AENA.

Entre 1990 e 2011 Cascos recibiu 575.795 euros do PP en sobresoldos. Nos papeis de Bárcenas figura que recibiu 321.391 euros entre 1990 e 2004. Cascos declaraba en xullo de 2009: “Son amigo de Luis Bárcenas, é unha persoa honorábel e conservo a miña confianza nel”.

Jaume Matas. Conselleiro de Economía do goberno de Baleares (1993-1996), presidente do PP balear (1999-2007) e da Comunidade Autónoma (1996-1999 e 2003-2007), ministro de Medio Ambiente (2000-2003).

Matas recibiu un sobresoldo de 8.400 euros do PP o 2 de abril de 2003, cando deixa o goberno para presentarse como candidato á presidencia do goberno de Baleares.  Declarado culpábel de malversación, prevaricación, falsidade documental e fraude á administración nunha peza do Caso Palma Arena. 

Condenado pola contratación fraudulenta do xornalista Antonio Alemany para que lle fixese os discursos e despois escribía eloxios deses mesmos discursos na prensa. Condenado tamén por suborno na contratación da súa dona, que recibiu 3.000 euros mensualmente, sen que xamais traballase no hotel para o que foi contratada. 

Está tamén acusado por un delito de branqueo de capitais por presuntas irregularidades na compra e reforma dun palacete no casco vello de Palma e dunha vivenda no barrio de Salamanca de Madrid.

Despois dun informe da Garda Civil, está investigado porque “hai fundadas sospeitas da posíbel evasión do capital amasado durante a súa estancia na política” e hai probas de que “desviou importantísimas cantidades de diñeiro a paraísos fiscales ou terceros países, provenientes das obras públicas realizadas e de subornos  de adjudicacións irregulares”. Este delincuente sempre foi considerado polo PP como un gobernante exemplar e Mariano Rajoy declaraba: “Eu quero un goberno como o que preside Jaume Matas en Baleares”.

No próximo capítulo continuaremos con estes ministros e ministras “exemplares”: Javier Arenas, Ángel Acebes, Esperanza Aguirre, Eduardo Zaplana, José María Michavila e Josep Piqué."    

VerMinistros, ministras e a corrupción do PP (I)  e  Ministros, ministras e a corrupción do PP (e III)                     (MANUEL MONGE, Sermos Galiza,  04 Outubro 2016 )

No hay comentarios: