"O xornalista Fonsi Loaiza (San Fernando, Cádiz, 1990) é o azoute do
poder establecido, aínda que a súa belixerancia esquerdista tivo un
prezo: os linchamentos en redes sociais e as querelas xudiciais
interpostas na súa contra. En Qatar. Sangre, dinero y fútbol (Akal),
denuncia a venda coa que os gobernos e as empresas occidentais taparon
gustosamente os ollos fronte a violación dos dereitos humanos nos
Emiratos Árabes, sede do Mundial 2022.
«Florentino Pérez viaxará como todos os veráns a Galicia. Alí reúnese
sempre con Rajoy e Feijóo. É un dos homes clave na caixa B do PP
(galego), cun millón de euros de doazón. Cando un xuíz lle preguntou se
financiara ao PP, dixo que lle molestaba a pregunta». Florentino estivo
participando de cheo nas tramas de corrupción do PP. Ademais de
responder que lle molestaba a pregunta, díxolle: «Se me coñece, a min a
xente non se atreve a preguntarme iso». O certo é que pagou 300.000
euros a un conseguidor da trama Púnica para que lle crease Diario Bernabéu,
un medio de comunicación falso que contrarrestaba a información
negativa do Real Madrid e do seu presidente. Mesmo extorsionaba ao seu
adestrador, Carlo Ancelotti, para que xogase Gareth Bale a través dun
xornalista que terminou en OKdiario, financiado por Florentino e
dirixido por Eduardo Inda, a quen colocara como director de Marca. En
definitiva, unha cloaca total. Por certo, ese xornalista interveu no
Chiringuito, sucesor de Punto Pelota, que tamén controlaba Pérez: un
nome que lle vén ao xeito (risas). E moitos traballadores de Real Madrid
Televisión recalaron en LaSexta, pois Antonio García Ferreras fora
director de comunicación do equipo branco.
No libro Florentino Pérez, el poder del palco (Akal),
afirma: «O seu trato persoal co vicerrei Núñez Feijóo é inmellorable.
Ambos chegaron xuntos á voda de Alberto Ruiz Gallardón en Santiago e nos
veraneos comparten mesa na mariscaría O Badulaque con Rajoy e Bieito
Rubido, no seu día director de ABC, na vila de Cedeira onde o seu irmán, Leopoldo Rubido, foi alcalde máis de trinta anos». O
caciquismo impónse, é tremendo. A caixa B do PP non se entendería a
nivel estatal sen a que crearon en Galicia. É máis, a corrupción do PP
parte do financiamento ilegal que empezou con Manuel Fraga. Aí entra en
escena ACS, que comeza a realizar doazóns, ata o punto de que onde máis
adxudicacións consegue Florentino é en Galicia. El comezara o seu
despegue empresarial en Cataluña co 3% de Jordi Pujol, pero soubo
ramificar a corrupción: o PSOE en Andalucía, o PP en Galicia, etcétera.
Tamén tivo moi boa relación co PNV en Euskadi.
De feito, no libro comenta: «O crecemento da construtora
Padrós (que presidiu Pérez) estenderíase a Galicia, comunidade da que é
orixinario Juan Torres Piñón, natural de Ferrol, e onde coñecía de
memoria o poder económico e local. Estas estruturas quedaron vixentes.
Emilio García Gallego, capataz das obras públicas con Manuel Fraga e
Xosé Cuíña entre 1990 e 1998, forma parte desde 2014 do consello de
administración de ACS». Daqueles pos, estas lamas? Florentino
lévase fenomenal con Alberto Núñez Feijóo: son unlla e carne. E con
Isabel Díaz Ayuso, tamén. E o alcalde de Madrid, José Luis
Martínez-Almeida, regaloulle un aparcadoiro subterráneo no Bernabéu, un
pelotazo urbanístico considerable.
A vostede cábelle o Estado de Florentino na cabeza. Son moitos anos
estudando a súa figura. En 2014, cando era bolseiro, deime de conta de
que os que mandaban no mundo do deporte eran os que realmente mandaban
na sociedade. Os tentáculos de Florentino chegan a todos os eidos,
porque desde que naces ata que morres hai por medio unha empresa súa: da
escola infantil do teu fillo á residencia xeriátrica do teu pai,
incluída a autoestrada que comunica ambas. Sempre pagándolle a el: a
xogada mestra das privatizacións. É vergoñoso, porque logo as empregadas
de Clece, un grupo multiservicio, no que 73.000 profesionais dan
servicio a más de un millón de usuarios, traballan nunhas condicións moi
precarias.
De feito, criticou que os directivos desa empresa, que
xestiona residencias privatizadas de anciáns en Galicia, se vacinaran
contra o coronavirus saltando os protocolos, mentres que «a
administración non dixo nada». A sombra de Florentino non só
chega a Galicia, senón a todo o mundo, porque el entendeu que o Real
Madrid podíalle abrir a porta aos seus investimentos internacionais.
No libro traza a evolución dos poderes políticos e
económicos, desde o franquismo ata hoxe. Máis que unha ruptura, houbo
unha transición. O que distingue a Florentino é que non provén dunha gran familia, como os March.
Pero empezou a traballar con eles. El era un burócrata franquista que
aprendeu a ser oportunista e arteiro con Juan de Arespacochaga, o que
fora alcalde de Madrid, quen o meteu de concelleiro e o colocou na
Asociación Española de la Carretera. Logo únese aos March e sobe á onda
do daquela ministro socialista Carlos Solchaga, aquel que dixera:
«España é o país no que é máis fácil facerse rico e en menos tempo».
Afirma que non se pode entender a Jordi Pujol sen o 3% que pagaba ACS a CiU. Florentino
inicia a «operación Roca», aquel intento artificial de crear un partido
de centro, como secretario xeral do Partido Reformista Democrático
(PRD), apoiado por CiU. Curiosamente, Construcciones Padrós, vinculada á
Banca Catalá dos Pujol, levaba as adxudicacións da Generalitat a cambio
do pago de comisións. Aí empezou o seu despegue empresarial. Tras
fracasar coa UCD, a intención de montar outro partido indicaba o
interese que tiña pola política, co obxectivo de que a súa empresa
obtivese contratacións de obra pública.
Nas eleccións xerais de 1986, el apenas obtén 194.500
papeletas: «É o partido político que menos votos sacou na historia da
democracia por diñeiro investido nunha campaña electoral». E o
seu secretario xeral, a pesar dese fracaso, cos anos lograría ser máis
poderoso que o presidente do Goberno. En cambio, hoxe non se atreve nin a
convocar unhas eleccións no Real Madrid. Secuestrou ao equipo e non ten
oposición, porque teme as urnas.
Imaxínao presentándose á Presidencia do Goberno? Non. Á marxe dos seus
precedentes en política, Florentino é un mal orador, non ten carisma e
nos debates electorais do Madrid papábano. Con todo, uniuse a José María
Aznar e a Miguel Blesa (entón presidente de Caixa Madrid) para
quitarlle a Figo ao Barcelona, un dos grandes pelotazos da historia
deste país. José María García denunciou esa operación e cortáronlle a
cabeza.
Tivo medo de que lle cortasen a súa? A eles
córtanlles a cabeza porque son ricos e traballan en grandes medios de
comunicación. Como eu non teño patrimonio nin propiedades, non me poden
quitar nada, só silenciarme en certos medios ou censurarme en Twitter.
Florentino é capaz de erguer o teléfono porque non lle gusta un pé de
foto, aínda que non pode chamar a El País para que me corten a cabeza porque xa ma cortaron cando era bolseiro. Ou sexa, botáronme por ser unha voz crítica.
Comenta que Pérez non se leva ben con Santiago Abascal. Unha
vez comeron xuntos e o encontro terminou mal e durou moi pouco. Abascal
estivo no palco de xogadores do Madrid, porque Sergio Ramos, Dani
Carvajal e Nacho Fernández son de dereitas, pero Florentino prohibiu que
baixase ao vestiario. Un exempregado do club díxome que o líder de Vox é
a persoa coa que peor se leva. Con todo, ten boa relación con Iván
Espinosa de los Monteros, quen estivo no palco. No fondo, sabe que lle
interesa levarse ben co PSOE e co PP, e logo cunha parte de Vox.
Pesa máis o interese económico que a ideoloxía? Claro, o
ideolóxico non lle importa. De feito, lévase moi ben con certa esquerda
e Manuela Carmena apoiouno na Operación Chamartín e na reforma do
estadio Santiago Bernabéu. Ela nunca quixo enfrontarse ao poder real,
nin sequera para defender a uns titiriteiros. Resulta curioso que ao
final acabase apoiando os pelotazos de Florentino cando no seu día foi a
xuíza que ditou o embargo dos seus bens tras a disolución do Partido
Reformista Democrático (demandado por unha empresa por falta de
pagamento). Unha mostra de que a esquerda institucional pouco pode facer
con el…
Nese sentido, vostede comenta que «democratizou» o palco do
Bernabéu e «deu cabida á esquerda caviar bautizada como
marxismo-ladrillismo». E tamén á esquerda caviar dos medios de
comunicación do establishment, dende Ana Pastor a Antonio García
Ferreras, embelesada esta polo poder fáctico deste país, ao que non se
enfronta.
A primeira candidatura á presidencia do club, en 1995,
apoiouse na Asociación para a Defensa do Patrimonio do Real Madrid,
presidida polo profesor José Manuel Otero Lastres. Curiosamente,
presentou unha novela xunto a Feijóo e Paco Vázquez, entón presidente da
Xunta e embaixador de España na Santa Sé, respectivamente. Imos
ver, o compadreo típico do Estado español entre políticos, empresarios,
xuíces… Paco Vázquez e Feijóo, como antes Fraga, van da man coas mesmas
políticas e son dúas caras da mesma moeda. Gañe un ou outro, sexa o
PSOE ou o PP, ao final en España sempre gaña Florentino Pérez. Se imos a
Madrid, el empezou moi forte con Esperanza Aguirre, quen chegou a
presidir a Comunidade tras a compra de votos do «tamayazo». Non estraña
que Florentino lle dixese a Rafael Simancas, o candidato socialista que
ía ser investido como presidente: «No PSOE mando eu máis ca ti».
Feijóo ten unha estreita relación co presidente de Iberdrola, Ignacio
Galán, quen o abrazou no acto de toma de posesión como presidente da
Xunta, en 2009. E con Amancio Ortega… (risas). En definitiva, que
Galán, Ortega e Florentino vanlle poñer a alfombra vermella para que
chegue a ser presidente de Goberno (esta entrevista foi realizada antes
de pasadas eleccións xerais do 23 de xullo, que gañou o PP, pero lonxe
da maioría absoluta, que non acariñou nin coa suma dos escanos de Vox).
Cre que esas relacións pesaron máis no salto a Madrid que a loita sucesoria no PP? Desde
logo, eles déronlle o visto e prace. É máis, un dos primeiros
empresarios cos que se reuniu Feijóo como líder do PP foi Florentino
Pérez, quen lle daba o beneplácito xunto a outros capos do Ibex.
En 2019, ACS foi multada por crear «un cártel industrial para
repartirse clientes e licitacións de maneira fraudulenta en Galicia».
Unha práctica cotiá? Iso deuse no conxunto do Estado. As
construtoras (ACS, OHL, Ferrovial…) repártense todo ao seu antollo
porque saben que se lles impoñen unha multa, ou é ridícula ou nin a
chegan a pagar. Por exemplo, unha empresa de Florentino chegou a liderar
o cártel dos barracóns para colexios e institutos de Cataluña,
Valencia, Andalucía, Castela-A Mancha e Murcia (a Comisión Nacional dos
Mercados e a Competencia multou con 9,3 millóns de euros en 2015 a seis
empresas de fabricación, alugueiro e venda de construcións modulares por
fixar prezos e repartirse as adxudicacións e os clientes; a sanción
máis cuantiosa, de 8,5 millóns, recaeu sobre Dragados, cuxa matriz
é ACS).
Florentino é máis de Ayuso ou de Feijóo? El é máis de Feijóo e a súa filla, máis de Ayuso. María Ángeles Pérez Sandoval é unha ayuser compulsiva.
De feito, durante a pandemia, o seu restaurante (El Babero, situado no
barrio de Salamanca) fixo propaganda electoral a través das súas redes
sociais, onde chegou a escribir: «Precisámoste. Aos seus pés, señora
presidenta. Sinto amor profundo por ti».
Hai unha foto na que Florentino agarra a Ayuso no palco do Real Madrid,
durante a celebración do título de Liga en 2022, que mostra visiblemente
como a manexa (meses antes, a Comunidade de Madrid contratara a ACS as
obras da estación de metro de Avenida de América por 38 millóns de
euros). Digamos que el quere a Ayuso para (que goberne) Madrid e a
Feijóo para (que goberne) España.
Máis aló da linguaxe non verbal, en que sentido a manexa? Nas
contratacións. ACS foi unha das empresas adxudicatarias das obras de
construción do Hospital de Emergencias Enfermera Isabel Zendal, mentres
que Clece se fixo co servizo de limpeza, ademais doutros 35 contratos de
servizos en IFEMA antes das eleccións autonómicas de 2021 («O asesor de
comunicación de Ayuso é Miguel Ángel Rodríguez, encargado dos actos
do centenario do Real Madrid de Florentino en 2002», lembra Loaiza no
seu libro).
Se Feijóo non lograse ser presidente, apostaría por Ayuso? Ollo,
que con Pedro Sánchez non lle foi nada mal, porque se levou un bo
tanto dos fondos europeos Next Generation EU. Uns préstamos e unhas
subvencións para afrontar a crise do coronavirus que imos acabar pagando
entre todos, cunha reforma das pensións, para que Pérez poida levar o
diñeiro fresquiño. Ou sexa, que gaña máis co PSOE no poder que co PP
(«Goberne quen goberne, o que gaña sempre é Florentino, un deses
personaxes sinistros que, sendo vagóns de cola como políticos, subíronse
ao tren do negocio do fútbol e lograron acaparar moito máis poder que
os representantes elixidos nas urnas nas supostas democracias liberais»,
escribe Loaiza).
Casualidade? En absoluto. Financia a Fundación
FAES, presidida por José María Aznar, pero tamén a Fundación Felipe
González e a Fundación Pablo Iglesias, do PSOE. Xoga a dúas bandas e,
impóñase un ou outro partido, el gaña seguro.
No seu libro sostén que Lissavetzky e Rubalcaba, «aliados servís de
Florentino», coaccionarion á concelleira socialista Matilde Fernández
para que non se opuxese á recualificación dos terreos da antiga Cidade
Deportiva do Real Madrid, onde se construíu o complexo financeiro das
Catro Torres. E como ela mantívose firme, Antonio García Ferreras
vetou a súa presenza na SER e a súa voz non volveu ser escoitada.
Florentino saca pasta de calquera lado, ata da atención ás persoas sen
fogar en Barcelona (a empresa Accent Social xestiona un Centro de Día e
un Centro Residencial de Atencións Básicas en Barcelona). Privatízase
todo e lévao el.
Algúns xogadores e equipos advertiron de que lucirían un
brazalete co arco da vella en apoio á comunidade LGBTI, aínda que ningún
renunciou a participar no Mundial de Qatar. Dobre moral? En
realidade, nin se atreveron a poñelo por medo a que os amoestasen cunha
tarxeta amarela. Só fomentaron o boicot algúns futbolistas retirados,
como o exbarcelonista Oleguer Presas ou Éric Cantona, quen pediu que non
vísemos o Mundial. Mentres, o presidente da FIFA, Gianni Infantino, ten
un palacete en Qatar… Os futbolistas perderon por completo a conciencia
social e de clase. O primeiro que fan cando gañan o seu primeiro soldo é
mercar un cochazo e unha casa afastada do seu barrio de orixe. En
Brasil, Donato pediu aos militares que desen un golpe de estado tras a
vitoria de Lula nas eleccións, igual que Robinho, condenado a nove anos
de cárcere por violar en grupo a unha muller en Milán. Son só dous
exemplos de xogadores que apoiaron ao fascista de Bolsonaro sen complexo
ningún.
En Qatar. Sangre, dinero y fútbol (Akal), tamén denuncia os vínculos de Qatar con España. O
terceiro fondo con máis poder do Ibex 35 é o de Qatar, que ten
participacións de Iberdrola, IAG ou a inmobiliaria Colonial; e, á marxe
do índice bolsista, doutras grandes empresas como Prisa ou El Corte
Inglés.
Tras coñecerse o Qatargate, non estraña que os Emiratos
Árabes fosen a sede do Mundial. Que lle sorprendeu máis durante a súa
investigación? Non lles importou que os obreiros tivesen que
choiar a 50 graos no verán, nin que morresen miles de traballadores. Con
todo, cambiaron o calendario das ligas para que os futbolistas non
pasasen calor e xogasen co aire acondicionado ao máximo en plena crise
enerxética, o que chegou a provocar algunhas baixas por arrefriados. O
Mundial de Qatar demostrou que o fútbol funciona como unha organización
criminal que, sen complexo ningún, se vende á mellor oferta." (Entrevista a Fonsi Loaiza, Henrique Mariño , Luzes, 30/10/23)