"O ex secretario de Organización do PP galego
e 'número dous' da trama 'Gürtel', Pablo Crespo, ratificou este martes
ante a comisión do Congreso que investiga as contas do PP que todos os secretarios xerais do partido coñecían os 'papeis de Bárcenas', que o 65% do diñeiro que se utilizaba para as campañas electorais en Galicia era negro e que el mesmo repartiu "sobresuoldos" ilegais a responsables do partido nesa comunidade e tamén a xornalistas.
Así o sinalou durante o interrogatorio ao que o someteu a deputada do PSOE Soraya Rodríguez, quen lle preguntou sobre algunhas das declaracións que veu facendo nos últimos anos o comparecente sobre o financiamento do PP.
Crespo foi secretario de Organización e responsable das campañas electorais do PP galego entre 1996 e 1999 e desde 2002 xestionou as empresas do xefe da 'Gürtel', Francisco Correa. Segundo explicou, presentáronllo como o provedor "de referencia" do partido a nivel nacional para as campañas electorais.
O comparecente, que foi condenado en dúas pezas relacionadas coa trama 'Gürtel', evitou sinalar expresamente que o ex presidente do Goberno e do PP Mariano Rajoy coñecese que o partido se financiaba de forma ilegal, pero si deu a entender que, como secretario xeral do partido que foi no seu momento, si debeu coñecer de maneira "global" e "troncal" como funcionaban as contas do PP.
UNS PRESIDENTES QUEREN SABER E OUTRO NON
Preguntado se considera coñecedores destas prácticas tamén a Ángel Acebes e María Dolores de Cospedal, sinalou que a súa afirmación tiña un carácter "valorativo" porque considera que os secretarios xerais deben coñecer "como se organiza e sobrevive" o seu partido, pero que non podía dar nomes porque el non estaba en 'Génova'.
En resumo, Crespo explicou que, segundo a súa experiencia no PP debían coñecer como se financiaba o partido en cada un dos seus niveis o tesoureiro, o xerente e o secretario xeral e que tamén o presidente tería que saber en termos xerais "como están as cousas".
Iso si, puntualizou que hai xente que "quere saber e outra que non" e puxo o exemplo de Manuel Fraga, quen presidía o PP en Galicia cando el era secretario de Organización e que, segundo detallou, non quixo saber nunca nada das contas do partido e só pedía que os encargados delas lle desen todo arranxado.
Crespo concretou que no PP galego, do que foi secretario de Organización entre 1996 e 1999, rexía un sistema de pago de sobresoldos en negro, que el mesmo pagou a xornalistas e a dirixentes do partido que os recibían para compensar o diñeiro que perdían ao pasarse á política.
Sobre estes últimos dixo descoñecer por que lles pagaban --"Nunca cambiei a portada dun xornal", deslizou-- e rexeitou dar nomes nin de informadores nin de políticos alegando que non ía traizoar agora a "discreción" que se lle esixiu no seu momento e que aqueles políticos están xa mortos ou retirados.
COBRARON SOBRESOLDOS? SILENCIO
Preguntado expresamente se Rajoy cobrou sobresoldos, primeiro gardou silencio pero despois aclarou que non ten constancia de que fose así. Si sinalou que nin Fraga nin Xosé Cuiña, secretario xeral do PP galego durante a súa etapa, os percibían aínda que eran eles os que decidían quen e canto cobraba cada un dos receptores desas cantidades mensuais.
Crespo optou polo silencio cando se lle preguntou se os cobraban Xesús Palmou, secretario xeral do PP galego entre 1999 e 2006, os exministros José Manuel Romay Becaría e Pío Cabanillas ou o senador José Manuel Barreiro. Si dixo que no seu momento tivo centos de "recibís", algúns "manuscritos", pero que agora non sabe onde están.
O groso do diñeiro para os sobresoldos e o 65% do que se utilizaba nas campañas galegas durante a súa etapa, proviña, segundo confesou Crespo das doazóns de empresarios que, recalcou, tamén daban diñeiro ao PSOE ou ao BNG.
Tamén saíron desas doazóns irregulares os 21 millóns de pesetas que entregou ao extesoureiro nacional Álvaro Lapuerta. 'Génova' avalara ao PP galego ante os bancos para que lle renovasen créditos por valor de 200 millóns e había que abonar ese diñeiro.
MÁIS ORDENADO QUE BÁRCENAS
O comparecente, que presumiu de ser máis ordenado que Bárcenas, a xulgar polos seus famosos 'papeis', negouse a desvelar quen eran os principais doantes do partido, pero si quixo deixar claro que xamais tivo noticia de que parte dese diñeiro proviñese do narcotráfico.
En 1999 Crespo deixou a Secretaría de Organización e a responsabilidade sobre as campañas electorais e en 2002 empezou a xestionar as empresas do xefe da 'Gürtel', Francisco Correa. Segundo explicou, presentáronlle ao que logo foi o seu "xefe" e "amigo" como o provedor "de referencia" do partido a nivel nacional para as campañas electorais.
Ao comparecente, que negou coñecer persoalmente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntáronlle por que este o mantivo como representante da Consellería de Política Territorial no Consello de Administración de Portos de Galicia tras deixar o seu posto orgánico. Crespo atribuíu esa circunstancia a "un erro" e sinalou que en 1999 deixou de acudir ás reunións da empresa.
Ademais, indicou que cando deixou o partido as empresas de Correa deixaron de cobrar do PP galego, que lles deixou a deber 120.000 euros, e qfoi o novo secretario xeral Xesús Palmou quen tomou esa decisión só porque el se incorporou ao Grupo Correa.
RICARDO COSTA E FUNDESCAM
Respecto da rama valenciana de Gürtel, Crespo recalcou que ex secretario de Organización do partido nesa comunidade Ricardo Costa "mente como un bellaco" cando sostén que lle entregou diñeiro. Crespo, segundo recalcou, unicamente recollía o diñeiro que Costa lle daba a Álvaro Pérez 'El Bigotes', que era o que falaba co político valenciano e con quen compartía unha relación "íntima".
O comparecente si se ratificou na súa declaración xudicial de que Costa propuxo a Orange Market, á que debían unha importante cantidade de diñeiro, que se quería cobrar tería que facturar eses traballos a outras empresas que el lle indicaría. En principio el opúxose á operación, aínda que logo, recoñeceu que non tiveron máis remedio que encartarse para cobrar a débeda.
Crespo admitiu que segundo leu as empresas ás que cargaban a facturación despois obtiñan contratos da Generalitat Valenciana, pero dixo descoñecer se esas adxudicacións eran ou non legais. Iso si, noutro momento, recomendou aos deputados que se lexisle para incrementar o control sobre os concursos públicos porque "sempre van a acompañados dun aire de escurantismo".
Tamén recoñeceu que o que fose xerente do PP de Madrid cando o presidía Esperanza Aguirre pediulle que fixese a mesma operación coa Fundación para o Desenvolvemento Económico e Social da Comunidade Autónoma de Madrid (Fudescam). É dicir, pediulle que cargase a esta fundación do PP rexional facturas por traballos que en realidade realizaran empresas de Gürtel. Crespo dixo descoñecer se Aguirre estaba ao tanto disto." (Galicia Confidencial, 13/11/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario