21.10.16

Rato, Abel Matutes, Ruiz Gallardón, Federico Trillo, Mayor Oreja, Ana Mato, Soria, Arias Cañete, Fernández Díaz... e a corrupción do PP

"Con esta selección de ministras e ministros que aparecen neste serial de tres artigos ao que agora pomos o ramo queda claro que o PP é un partido que se financia ilegalmente. (...)


Rodrigo Rato. Ministro de Economía e Facenda (1996-2000), ministro de Economía e Competitividade (2000-2004), Vicepresidente do Goberno, Director Xerente do Fondo Monetario Internacional (2004-2007), Presidente de Caja Madrid-Bankia (2010-2012).


Rato tivo durante moitos anos sociedades opacas en paraísos fiscais, tamén cando ocupaba responsabilidade políticas e de goberno. Segundo os papeis de Panamá, utilizou o bufete panameño Mossack Fonseca para liquidar dúas desas sociedades onde tiña gardados 3.672.410 euros. Está acusado dunha fraude fiscal de 5,3 millóns de euros, branqueo de capitais, administración desleal, alzamento de bens e corrupción entre particulares.


Utilizou os seus cargos para beneficiar as súas empresas. Así, concedeu un crédito de 350 millóns de euros ao Valencia Club de Fútbol, cando presidía Bankia, que aproveitou para introducir unha empresa da súa trama familiar na construción do novo estadio. 

Tamén concedeu un crédito de 2,2 millóns de dólares a Lazard, ocultando os seus intereses neste banco de investimentos. Por outra parte, facturaba traballo de asesoría para Telefónica a través da empresa Kradonara 2001 SL, que controlaba, para aforrar no pago de impostos.

Está investigado polo cobro dunha suposta comisión de 850.000 euros, a través de Kradonara, a cambio da adxudicación dun contrato de publicidade de Bankia, que presidía, a Publicis Comunicaciones e Zenith Media por importe de 46 millóns de euros. Rato ocultou a Facenda que tiña negocios en publicidade a través de COR Comunicación SL, que ten como clientes a importantes medios de comunicación.


Realizou moitos favores como ministro, que despois aproveitou para recolocarse cando abandona Bankia. Rato designaba a César Alierta en 1996 como presidente de Tabacalera (empresa que privatizara), e cando Alierta presidía Telefóncia, ficha a Rato por 200.000 anuais en xaneiro de 2013 como conselleiro asesor das súas filiais en Europa e Latinoamérica. 

Tamén Emilio Botín fichaba Rato para o consello asesor do Banco Santander en setembro de 2013, recibindo outros 200.000 euros anuais. Francisco González, que presidía Argentaria (banco privatizado por Rato), perdoaba 312.000 euros a unha empresa da familia Rato en 1999 e catro meses despois González acababa de copresidente do BBVA, resultado da fusión do Banco Bilbao Vizcaya con Argentaria.


Rato é un dos principais implicados na escándalo das tarxeta black ou opacas, cando presidía Bankia. Cargou a esa tarxeta 99.041 euros como gastos de roupa, copas, mariscadas, xoias, perfumes, vacacións, etc.


Segundo a contabilidade oficial do PP, Rodrigo Rato tería recibido 36.247 euros de sobresoldos entre 1990 e 2011 e segundo os papeis de Bárcenas (contabilidade B) cobrou 216.711 euros de sobresoldos en 11 pagamentos entre 1997 e 2004. É unha persoa rica, participa en 27 empresas, segundo a Axencia Tributaria, e controla un patrimonio de 24 millóns de euros. 


Abel Matutes. Alcalde de Ibiza en 1970 durante a ditadura franquista, senador, deputado, eurodeputado, ministro de Asuntos Exteriores con Aznar (1996-2000).


Utilizou a política para os seus negocios particulares. Así, en 1998 facía coincidir una viaxe oficial a Cabo Verde coa visita a ese país de responsábeis do grupo Doliga (na delegación estaban dúas das súas fillas), empresa de Matutes relacionada co turismo.

Unha das súas fillas, Estrella Matutes, foi conselleira de Urbanismo do Consello Insular de Ibiza (2003-2007) e foi acusada pola Fiscalía dos delitos de prevaricación, negociacións prohibidas a funcionarios, uso de información privilexiada e tráfico de influencias por votar un plan urbanístico de Ibiza adaptado a un contrato privado de venda de terreos que, segundo a Fiscalía “beneficia directamente sociedades en que ela e os seus familiares teñen interese económico directo”.


Abel Matutes ten unha grande fortuna que supera os 400 millóns de euros: presidente do Grupo Matutes e propietario da multinacional Palladium Hotel Group, accionista da navieira Balearia e conselleiro de Globalia, propietaria de Air Europa.


Alberto Ruiz Gallardón. Presidente da Comunidade de Madrid (1995-2003), alcalde de Madrid (2003-2011), ministro de Xustiza (2011-2013).


Recibía 2.275.000 pesetas da caixa B do PP en sobresoldos (era tamén senador), só no ano 1994 e, como moitos dirixentes do partido, recibía doce mensualidades e dúas pagas. Recibiu un reloxo de 300.000 pesetas de Special Events, o mesmo que Ángel Acebes e Pío García Escudero, con motivo do XIII Congreso Nacional do PP.


Tamén recibiron sobresoldos outros ministros e ministras, segundo recollía a contabilidade B dos papeis de Bárcenas: 296.263 euros, Cristobal Montoro (entre 1993 e 2011); 6.000 euros, Ana Palacio, en 2004; 9.000 euros, Pilar del Castillo en 2004; 42.238 euros, Elvira Rodríguez (entre 2006 e 2007); 7.813 euros, Juan Carlos Aparicio, así como 60.000 euros María Dolores de Cospedal (entre 2008 e 2010), secretaria xeral. Ademais, Cospedal cobrou 963.331 euros polos cargos públicos que desempeñou e como secretaria xeral entre 2006 e 2011, segundo recolle a contabilidade oficial do PP. 


Gallardón, que era alcalde de Madrid, coñecía os pagos por un total de 138.000 euros que entre 2007 e 2009 pagou Fundación Madrid16 –creada para promocionar a candidatura olímpica da capital– a Fundación Deporte, Cultura e Integración Social (FDCIS), controlada por Iñaki Urdangarín, por uns servizos sen documentar, contribuíndo así a unha situación ilegal e corrupta.


Federico Trillo. Presidente do Congreso dos Deputados (1996-2000), ministro de Defensa (2000-2004), embaixador en Londres desde 2012.


Xuntamente con Vicente Martínez Pujalte, deputado do PP, foi denunciado pola Axencia Tributaria pola realización de actividades incompatíbeis cos seus cargos. Cobraron 429.000 euros por traballos de asesoría ao Grupo Collazo, empresa dedicada a obra civil e que foi beneficiada polos parques eólicos de Castela-León. Trillo ingresou 354.560 euros en tres anos e Pujalte 75.000 euros en 2008 por “asesoramento verbal”, tomando café cada quince días.


O PP pagou con diñeiro negro da caixa B a minuta dos avogados que defenderon Trillo no xuízo do accidente do Yak 42, o 26 de maio de 2003, no que morreron 62 militares do exército español, 12 tripulantes ucraínos e un cidadán de orixe bielorrusa que regresaba de Afganistán.

Trillo foi encargado por Rajoy para frear o caso Gürtel nos tribunais e cualificou de “montaxe política” as denuncias sobre a corrupción no PP: “Este asunto foi unha montaxe política durante tres anos da UDEF e a Fiscalía Anticorrupción dependentes do Gobierno e especialmente de Rubalcaba”.

 Fixo tamén unha entusiasta defensa de Luis Bárcenas: “Tense intentado imputar unha persoa que resultou ser inocente e através dela o Partido Popular”.

Recibiu 185.256 euros de sobresoldos en 11 pagamentos entre 2001 e 2006, segundo a contabilidade B, e outros 187.650 euros entre 1990 e 2011, segundo a contabilidade oficial do PP.


Jaime Mayor Oreja. Presidente do PP do País Vasco (1989-1996) e ministro de Interior (1996-2001).


O dirixente do PNV Xavier Arzallus relacionaba en 2002 a negativa do goberno do PP de aumentar en 200 os membros da Ertzaintza, policía autónoma vasca, cos intereses da familia Mayor Oreja en empresas privadas de seguridade. Despois da denuncia de Jaime Mayor Oreja contra Arzallus por “calumnias”, a Audiencia Provincial de Álava e o Tribunal Supremos certificaban a participación de Jaime Mayor Oreja en Eulen, empresa que xestiona compañías de seguridade, e dos seus irmáns José e Carlos en Seguritec, Prosegur e Protección y Custodia. Por outra parte, a Unión de Gardas Civís sinalaba a relación de Jaime Mayor Oreja con Ombuds, empresa de seguridade, concesionaria de vixilancia en prisións e centros militares sanitarios.

Jaime Mayor Oreja negouse repetidamente a condenar o franquismo, xustificando a súa actitude en que “representa un sector amplo de españois”, “Moitas familias vivírono con naturalidade e normalidade”, e describía a situación no País Vasco durante a ditadura como “extraordinaria pracidez”. Cualificaba o aborto como “algo propio dos bolcheviques”.


O PP pagaba a Jaime Mayor Oreja en 2001 os 2.710 euros mensuais do aluguer da súa casa en Madrid. Ademais, entre 1997 e 2008  recibiu 181.440 euros en sobresoldos da caixa B, repartidos en 16 entregas.


Ana Mato. Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (2011-2014), Vicesecretaria Xeral do PP (2008-2012).


Mato foi partícipe a título lucrativo nos delitos cometidos polo seu marido Jesús Sepúlveda, ex–alcalde de Pozuelo de Alarcón, segundo o xuíz da Gürtel. Esta trama corrupta pagaba dúas comuñóns e dous aniversarios dos seus fillos, viaxes a Disneyland Paris, Dublín. Entre 2001 e 2003 a Gürtel tería regalado 71 viaxes á familia de Ana Mato por importe de 29.911 euros a través de Pasadena Viajes.


Recibiu da caixa B do PP 136.364 euros en sobresoldos. Ademais, cobraba do partido, segundo a contabilidade oficial, 103.712 euros en 2009, 107.450 euros en 2010 e 122.225 euros en 2011.


José Manuel Soria. Alcalde de As Palmas(1995-2003), presidente do Cabildo Insular de Gran Canaria (2003-2007), ministro de Industria, Enerxía e Turismo (2011-2015) e Presidente do PP de Canarias (1999-2016)


Implicado en varias sociedades en paraísos fiscais nos anos 90 e até, polo menos, 2002, segundo os chamados papeis de Panamá. Soria declaraba, inicialmente, que a súa familia non tiña empresas en paraísos fiscais, pero despois admitía que a sociedade Mechanical Trading Limited foi creada en 1993 na illa de Xersei e que UK Lines LTD estaba rexistrada no Reino Unido. 

Con esas contradicións nas explicacións foi obrigado a demitir como ministro. Posteriormente, foi proposto polo PP como Director Executivo do Banco Muncial, idea que abandonou polo rexeitamento social e político.


Miguel Ángel Arias Cañete. Ministro de Agricultura e Pesca (2000-2004), ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (2011-2014), Comisario Europeo de Enerxía e Clima desde 2014.

Aprobaba como ministro a amnistía fiscal de 2012 da que se beneficiou a súa esposa como apoderada dunha empresa rexistrada nun paraíso fiscal a través do despacho de avogados Mossack Fonseca. 

A esposa de Cañete e outros doce membros da familia Domecq figuran desde 2005 como autorizados de Rinconada Investments Group SA, con sede en Panamá. Tamén foi investigado polos seus intereses nas compañías Petrolífera Dúcar e Petrologis, cando era ministro.

Cañete despediu o director financeiro da sociedade estatal Acuamed (Aguas de las Cuencas Mediterráneas) porque enviou varios informes denunciando adxudicacións irregulares de contratos, pagos por obras inexistentes e incremento ficticio do custo das obras; unha fraude de centos de millóns de euros no que están implicadas dez das principais empresas construtoras de España e onde hai numerosos acusados por prevaricación, fraude e falsidade.


Jorge Fernández Díaz. Presidente do PP de Cataluña (1989-1991), Secretario de Estado de Relacións coas Cortes (2000-2004) e ministro de Interior (2011-2015).


En novembro de 2012, Fernández Díaz daba absoluta credibilidade a uns informes sobre unha suposta relación de Artur Mas e Xavier Trias con contas en Suíza, que eran falsos. Por outra parte, utilizou o seu ministerio e a Policía para atacar a forzas políticas nacionalistas de Cataluña.

 Así, en outubro de 2014 tiña unha conversa no seu despacho co director da Oficina Antifraude de Cataluña, que foi gravada, para inventarse irregularidades fiscais contra dirixentes de ERC e CDC. O ministro afirmaba nesa conversa que “o Presidente do Gobierno [Mariano Rajoy] o sabe”.                   

No hay comentarios: