28.10.16

Arenas, Acebes, Espe, Zaplana, Michavila, Piqué y la corrupción del PP

"Continuamos co serial do noso colaborador Manuel Monge sobre os millentos casos de corrupción que salfiren o Partido Popular (...) 

Javier Arenas. Ministro de Traballo e Asuntos Sociais (1996-1999), ministro de Administracións Públicas (2002-2003), ministro da Presidencia (2003-2004), secretario xeral do PP (1999-2003).
É unha persoa chave nas relacións do PP con Luís Bárcenas.

 Participou con Mariano Rajoy nunha reunión con Bárcenas (na sede do PP en marzo de 2010) na que chegaron a un pacto que permitiu a Bárcenas seguir cobrando do partido e desfrutar de despacho, secretaria, coche con chófer e avogados pagados polo PP (400.000 euros até decembro de 2012).

 Noutra reunión con Bárcenas nun restaurante de Sevilla o 14 de decembro de 2012 foi informado da existencia das contas secretas de Bárcenas en Suíza, pero o PP non fixo nada e seguiu pagándolle a nómina mensual.

Arenas era un auténtico campión no cobro de sobresoldos. Na contabilidade oficial do PP figura que recibiu 1,15 millóns de euros en sobresoldos entre 1990 e 2011 e segundo a contabilidade B do PP, é dicir, os papeis de Bárcenas, entre 1997 e 2004 cobrou 225.762 euros en 20 entregas, que figuraban como “traballos extraordinarios” ou gastos de representación.

 Pasaba longas temporadas no hotel Palace de Madrid, pagadas polo partido. Cobraba mensualmente do partido un sobresoldo de 1.562 euros no ano 2000, 1.356 euros en 2001 e 1.383 euros no ano 2002. Frecuentaba restaurantes de luxo e pasaba tres facturas ao PP do mesmo día (19 de decembro de 2001): 997 euros no hotel Ritz, 932 euros no restaurante Errota e 124 euros no Balzac. Con estes antecedentes, Arenas manifestaba que “el PP ha sido vanguardia contra la corrupción”.

Ángel Acebes. Ministro de Administracións Públicas (1999-2000), ministro de Xustiza (2000-2002), ministro de Interior (2002-2004), secretario xeral do PP (2004-2008). Acebes era o ministro de Interior cando, con motivo do atentado terrorista islamista de 11 de marzo de 2004 en Madrid, o goberno de Aznar intentou enganar a opinión pública atribuíndo o atentado a ETA.

Cobrou máis dun millón de euros en sobresoldos entre 1990 e 2011, segundo a contabilidade oficial do PP, e 107.100 euros entre 2004 e 2008, segundo a contabilidade B. Foi imputado por presunta apropiación indebida na compra de accións de Libertad Digital co diñeiro negro do PP.

Persoa de máxima confianza do PP, fora encargado, xuntamente con José María Michavila, de entrevistarse con Bárcenas, como interlocutores de Rajoy, para controlar a situación cando se coñecen as contas en Suíza e a contabilidade B do PP.

Tivo unha estreita relación coa trama corrupta da Gürtel e como pago aos servizos prestados, recibía un reloxo de 300.000 pesetas de Special Events, da trama Gürtel, despois da celebración do XIII Congreso Nacional do PP (existe factura con data 21-1-1999). Por outra parte, recibiu 107.100 euros en sobresoldos en 16 pagamentos.

Está imputado no caso Bankia (era conselleiro desa entidade) polos delitos de apropiación indebida, falsificación de contas anuais, administración fraudulenta ou deslealdade, e dun delito de maquinación para alterar o prezo das cousas. En 2012 recolocouse en Iberdrola como conselleiro externo do Consello de Administración.

Esperanza Aguirre. Neta de José Gil de Biedma Becerril y Oñate, terceiro conde de Sepúlveda; é tamén condesa consorte de Bornos. Ministra de Educación, Cultura e Deporte (1996-1999), presidenta do Senado (1999-2002) e presidenta da Comunidade de Madrid (2003-2012).

É unha das dirixentes do PP máis implicadas na Gürtel. José Luis Peñas, ex–concelleiro do PP en Majadahonda que destapou esta trama en 2007, declaraba que “Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre estaban ao tanto da trama de corrupción de Gürtel, foron avisados dos negocios escuros de Francisco Correa en Arganda del Rey nunha reunión no despacho de Luis Bárcenas.

 Eu intentei falar cos dirixentes, mais non me quixeron escoitar.  Todos sabían o que estaba a pasar e non fixeron nada". Peñas informaba tamén que recibían un fax da tesourería do PP esixindo que axudasen a unha serie de empresas que cooperaban co PP coas súas doazóns. Francisco Correa, dirixente de Gürtel, facía de intermediario para cobrar as comisións ilegais para o PP, segundo a investigación da Policía.

Todos os actos protagonizados por Esperanza Aguirre na precampaña e campaña electoral das eleccións autonómicas de 2003 foron organizados pola rede corrupta a través de Special Events. Un informe policial cifraba en 1,3 millóns de euros as facturas electorais falseadas polo PP entre 2003 e 2004 e así figuraba no computador de Gürtel, no documento con título “Relación actos E.A.-Beltrán. xls”, que corresponde coas iniciais de Esperanza Aguirre e Beltrán Gutiérrez Moliner, xerente do PP de Madrid.

Cando era presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre adxudicaba a dedo a Gürtel 386 actos propagandísticos, a maioría deles irregulares. As adxudicacións realizábanse de forma “directa e arbitraria”, fraccionando o importe das facturas (686 contratos de menos de 12.000 euros) e violando as leis que regulan os contratos públicos. Con este procedemento, quince empresas de Correa cobraron 6,48 millóns de euros do goberno de Madrid entre 2004 e 2008, cun beneficio de 2,66 millóns de euros.

Esperanza Aguirre está tamén implicada noutros casos de corrupción. Foi a principal valedora de Ignacio González, que foi presidente da Comunidade de Madrid e imputado por corrupción, e de Francisco Granados, secretario xeral do PP de Madrid, número dous do goberno de Esperanza Aguirre e principal imputado na Operación Púnica.

Eduardo Zaplana. Alcalde de Benidorm de 1991 a 1994 (conseguiu a alcaldía polo voto dunha concelleira tránsfuga do PSOE), presidente da Generalitat Valenciana (1995-2002), ministro de Traballo e Asuntos Sociais (2002-2004) e portavoz do PP no Congreso (2004-2008). O financiamento ilegal do PP valenciano, vinculado á trama Gürtel, comezou con Zaplana, segundo a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía.

Eduardo Zaplana (E) expresaba nunha conversa con Salvador Palop (S) o 11 de febreiro de 1990 (falaban dunha comisión pola venda dun solar) o seu interese por gañar diñeiro e facerse rico coa política. Esta conversa foi gravada no contexto dunha investigación policial por un caso de narcotráfico, que despois derivou no caso Naseiro sobre financiamento ilegal do PP:

E.- E entón lle dis, ben, eu unha comisionciña. Pídeslle dous millóns de pelas ou tres do que queiras...
E.- ¿Eh? O que che dei e me das a metade baixo man.
S.- Pois se temos que repartir, carallo...
E.- E eu dígolle: págalle o contrato a este rapaz que...
S.- Se temos que repartir, macho... Temos que pedirlle un pouco máis.
E.- Claro, un pouquiño máis. Eu é que non sei nen o que vale o solar nen nada.
E despois engadía: “Teño que facerme rico”. “¡Ai…! Teño que gañar moito diñeiro, faime falta moito diñeiro para vivir. Agora teño que mercar un coche, gústache o Vectra 16 válvulas?”. Salvador Palop, ex–concelleiro do PP de Valencia, foi imputado no caso Naseiro e faleceu en 2008.

Os ministros podían viaxar gratis en Iberia ou con voos militares, pero Zaplana cargaba ás contas públicas, como gastos de representación, 150.000 euros de viaxes en avións privados entre 2002 e 2004 e 150.000 euros dunha viaxe a Edimburgo.

 Ademais, 55.000 euros de catro toneladas de turrón e 183.000 euros en dous anos de galletas, chicles e natillas, segundo recolle Alfredo Grimaldos no seu libro Los ministros “limpios” de Aznar. Cando deixa os cargos políticos, Zaplana é recolocado en Telefónica como delegado para Europa, cuns ingresos anuais de máis de 600.000 euros.

Con este currículo, Zaplana daba leccións de ética política e dicía en febreiro de 2013 nun debate do Club Información de Alacante: “A percepción social é que existen moitas similitudes entre política e corrupción e iso é inxusto e falso”. E engadía: “Un político imputado por presunta corrupción debería actuar con xenerosidade e sacrificarse”.

José María Michavila. Secretario de Estado de Relacións coas Cortes (1996-2000), ministro de Xustiza (2002-2004). O seu despacho de avogados tiña contratos coa rede de empresas da Gürtel, recibindo 100.000 euros desta trama corrupta. Desde 2010 é asesor do fondo de infraestruturas de JP Morgan.

O bufete de Michavila foi contratado sen licitación pública polo alcalde de Boadilla del Monte, epicentro da Gürtel, para defender a xestión municipal en cinco procedementos. El Mundo publicaba que Michavila pediu seis millóns de euros a Mutua Madrileña como mediador entre esa empresa e a consultora Global Helath, cliente do despacho no que traballaba, para construír unha cidade sanitaria en Boadilla del Monte. Cando era ministro de Xustiza, este ministerio contratou en 2003 os servizos de Special Events por valor de 4.400 euros.

Josep Piqué. Ministro de Industria, Enerxía e Turismo (1996-2000), ministro de Asuntos Exteriores de 2000 a 2002 (ocupando esta carteira ministerial o goberno de Aznar apoiou a invasión de Irak e o intento de golpe de Estado en Venezuela contra Hugo Chávez); ministro de Ciencia e Tecnoloxía (2002-2003), presidente do PP de Cataluña (2003-2007).

Cando era ministro de industria, condonou en 1998 a Ercros (Piqué foi membro do consello de administración de Ertoil, filial da química Ercros) unha débeda de 8.500 millóns de euros, contraída co Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Fracasa como candidato do PP á Generalitat de Cataluña e desembarca en Vueling, como presidente desta compañía aérea (2007-2013). Despois é contratado como conselleiro delegado e vicepresidente segundo da construtora OHL, que fixo importantes doazóns á caixa B do PP, recibindo numerosas adxudicacións de obra pública, entre elas 1.000 millóns de euros do tren de alta velocidade. 

Compartiu negocios con Iñaki Urdangarín na construtora Mixta África (Piqué ocupou a presidencia desta compañía entre 2007 e 2010). Urdangarín facturou 365.000 euros a esta empresa por asesoramento."

No hay comentarios: