"O desfile de entroido lucense contou neste 2019 cunha participación
especial. Entre bandas de música rock, dragóns chineses, animais ou
máquinas de coser as dependentas da Carnicería Carioca chamaron a
atención do público, coas súas ofertas e descontos.
A performance da
plataforma cidadá Impunidade Carioca paseou polas rúas a súa denuncia á
deriva dos xuízos da Operación Carioca. Esta macrocausa, en torno a unha
rede de trata e explotación sexual forzosa de mulleres, estalou no 2009
no Xulgado nº 1 de Lugo.
Hoxe atópase na súa recta final, e a
plataforma denuncia que moitas das pezas nas que foi dividida foron
arquivadas, ou derivaron na impunidade dos acusados: proxenetas,
empresarios e membros das forzas de seguridade do estado. María Barba é
unha das integrantes de Impunidade Carioca.
Como nace a plataforma Impunidade Carioca?
A plataforma naceu no momento en que a Fiscalía fai un escrito en
relación a peza sobre o club Liverpool. Nesa peza relata unha serie do
que nós entendemos que son abusos, proxenetismo, tratos de favor,
tráfico de información, prostitución de menores. A Fiscalía vainos
relatando á vez que explica que non se perciben delitos, exculpando á
vez que describe os actos.
Isto fixo saltar as nosas alarmas, porque
quedaban outras pezas da Operación Carioca en trámite e tiñamos medo de
que sucedese o mesmo. Coa plataforma buscamos organizarnos para informar
do que está a acontecer. E tamén para deixar claro que isto importa,
que hai unha cidadanía que está preocupada porque se desmantele este
rede mafiosa e proxeneta.
Alén da peza do club Liverpool, poñedes o foco noutras pezas da
Operación, nas que considerades que a Fiscalía procedeu dun xeito
similar.
Na do Liverpool a labor da Fiscalía obrigou a que a peza fose
arquivada. A propia xuíza elaborou un escrito de arquivo moi revelador
co que está a acontecer. Sinala o que se considera delito, que non
poderá ser xulgado pola inacción da Fiscalía.
Coa peza do club Queens
aconteceu algo similar. Na investigación deste club chegaron a estar
imputadas dezaoito persoas. Estaban implicados axentes das forzas de
seguridade do estado, policías e gardas civís, e empresarios. A Fiscalía
deixa a todas estas persoas fora e só quedan catro persoas acusadas de
delito, os proxenetas e donos de prostíbulos.
Transcorreron máis de dez anos dende o estalido da Operación Carioca.
Como informar á cidadanía que non coñece o caso do que aconteceu neste
tempo?
As persoas que coñecen a operación manexan información moi
desligada. Chéganlles só píldoras, e as tramas da Carioca son moi
complexas. De feito a Operación Carioca, ou algunhas das persoas
implicadas nela, relaciónase con outras tramas como a Operación Pokémon.
A comunicación destes procesos simplifícaos.
Con esta vocación nace o documental Benvidos ao club,
da artista Carmen P. Granxeiro en colaboración coa plataforma (gañadora
no 2019 do Premio Especial Biznaga de Plata “Afirmando los Derechos de
las Mujeres”).
Carmen fai un traballo de documentación moi interesante, a través de
entrevistas e de información documental. O que busca é enlazar, fiar,
que se entenda a Operación Carioca. As proxeccións superaron con moito
as nosas expectativas, houbo unha acollida moi boa por parte da
cidadanía e de distintos colectivos.
Estamos nun momento social moi bo,
no sentido de que a preocupación feminista está moi presente. Pero é
certo que a explotación sexual non está moitas veces na axenda feminista
coa relevancia coa que debería. Para nós é importante fortalecer este
punto na axenda. Mais é certo que moitos colectivos desta liña
solicitaron a proxección do documental.
Outra das vosas liñas de traballo foi solicitar á Xunta de Galicia e
ao Concello de Lugo que comparezan como acusación popular en varias
pezas da Operación Carioca. Como funciona este recurso?
En teoría debería ser a Fiscalía a defensora das vítimas, pero cando
atopamos unha Fiscalía que, en vez de defender ás vítimas e atender ás
súas realidades, protexe aos agresores e aos grupos de poder,
solicitamos ás administracións que comparezan como acusación popular. O
custe de presentarse como acusación popular nun xuízo a título
individual é moi elevado.
Sobre todo nunha operación como esta, que é
moi complexa e requiriría un equipo completo de avogados. A
Administración comparece en certos casos, como por exemplo os homicidios
de mulleres, mais non o fan en casos como este. Por iso decidimos
procurar o apoio da cidadanía.
Na procura dese apoio fixestes distintas accións e puxestes en marcha unha campaña de sinaturas.
Nós procuramos mobilizar colectivos afíns e, por outra parte,
sensibilizar á cidadanía. Hai traballos de acción directo, como o
documental, e outros que levamos a cabo para crear impacto. Nese senso
levamos a cabo a performance Agasallos de cortesía este nadal. Con ela
quixemos facer referencia a un escrito da Fiscalía nunha das pezas, nas
que establecía que os agasallos que facían os proxenetas a axentes das
forzas de seguridade, como ceas, copas, ou servizos sexuais gratuítos
segundo a propia xuíza do caso, son os propios que realizaría un
empresario no noso marco cultura actual.
Non se vía delito nese tipo de
agasallos a persoas que ademais teñen o deber de perseguir precisamente
estes delitos! Aproveitamos o decorado de Nadal, en forma de paquete de
agasallo, metendo a mulleres dentro.
Outra acción de impacto é a da
carnicería Carioca. Coa carnicería queremos visibilizar como a Fiscalía
despezou toda a causa en pezas pequenas, permitindo que prescribisen.
Tamén facendo atender de forma parcelada unha operación complexa e
interrelacionada. As carniceiras son as fiscais.
Unha reflexión tamén sobre o actual sistema xudicial.
As mulleres parece que desaparecen do panorama, semella que as
vítimas desapareceron. Todo o proceso da resposta ás necesidades dos
grupos de poder.
No proceso da Operación Carioca chegaron a identificarse en torno a
catrocentas mulleres vítimas de trata. Sabedes cal é a súa situación na
actualidade?
As súas circunstancias son moi diversas. Houbo mulleres que foron
expulsadas, para que non puidesen testificar. Outras recibiron o
tratamento de vítimas protexidas, levan unha vida máis ou menos
normalizada. E outras continúan nas redes da prostitución." (Raquel C. Pérea, El Salto, 06/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario