(traductor gallego-español)
“Mentres o Goberno pregoa un embusteiro discurso de austeridade, está a externalizar moitos dos servizos que debería ofrecer a Xunta para beneficiar a empresas afíns”. Así o denuncia a CIG- Autonómica, da man do seu responsábel Manuel Gallardo Canitrot, quen engade: “estamos comprobando a existencia dunha inxente cantidade de contratos coa Administración pública que se asinan con diferentes empresas, mais co mesmo denominador común, que son compañías creadas por ex-altos cargos do Partido Popular”. (...)
Precisamente, o último destes contratos "a dedo" foi o asinado para cubrir postos de atención á dependencia.
Segundo denuncia a CIG, a empresa escollida para estes traballos volve ser Plexus S.L, unha compañía que ten de apoderado a Antonio Agrasar Cascallar, quen fora asesor de telecomunicacións da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) durante o goberno de Fraga. Ademais, a mesma empresa estivo dirixida por Xosé María Sánchez González, quen tamén exerceu como secretario xeral da Consellaría de Cultura de Pérez Varela e como director do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem). (...)
A CIG recorda que para aplicar a Lei de Dependencia, desde a administración estatal e europea destináronse 70 millóns de euros que tiña que executar a Xunta de Galiza no ano 2009. "A comezos de 2010 atopáronse con que estaban incumprindo o contrato e no canto de tirar das listas de contratación optaron por Plexus S.L", denuncia Gallardo. (...)
Non é a primeira vez que o nome desta empresa se relaciona con contratos irregulares por parte da Xunta. Con este mesmo Goberno, Plexus S.L foi a adxudicataria do desenvolvemento e mantemento da web do Xacobeo, por un importe de 138 mil euros, mediante un acto administrativo ao que non foron convocadas as once empresas que foran admitidas ao procedemento aberto de contratación. Ademais, o propio portal de internet púxose en marcha, cando menos, 20 días antes da propia adxudicación. (...)
Tamén saltou á prensa o nome desta empresa ao ser elixida por adxudicación directa para un traballo de relacións públicas do Porto Exterior da Coruña, por un valor de 764 mil euros en 2006. Do mesmo xeito, a CIG denuncia “innumerábeis contratos” coa TVG, ben a nome de Plexus, ben a nome doutra entidade, Brétema Consulting, tamén vencellada a Agrasar Cascallar.
A maiores, en 2004, a Consellaría de Innovación, Industria e Comercio adxudicou tamén aos mesmos empresarios a elaboración dun plan para a promoción e desenvolvemento da sociedade da información en Galiza. Brétema Consulting obtivo, asimesmo 83.520 euros no mesmo 2004 da Fundación Deporte Galego polo “asesoramento estratéxico na promoción, comunicación e novas tecnoloxías relacionadas coa Volvo Ocean Race”, celebrada en Vigo en 2006. " (Vieiros, 03/02/2010)
2 comentarios:
polo que recordo, plexus traballou 4 anos para o bipartito,e en consellerias do BNG, que raro non?
ou é que eses datos non interesan???
A todo porco lle chega o seu San Martiño. Donde está ahora papá Barciela para te protexer. Marulo
Publicar un comentario