"A Distribuidora Internacional de Alimentación,
DIA, está en proceso de reestruturación e cun ERE sobre a mesa sen
concretar. O actual dono de case o 30% da cadea de alimentación, é o
millonario Mikhail Fridman, propietario do fueloil que levaba o
petroleiro “Prestige”. GC publicou en exclusiva en 2012 unha reportaxe
de investigación con documentos que comprometen a este empresario.
A noticia caeu como unha bomba. A empresa convocara unha reunión coas
forzas sindicais para o día catro de marzo. Discutiríanse as condicións
do ERE que o Grupo DIA busca aplicar para a súa “reestruturación”,
ideada polo actual CEO Borja de la Cierva. O pasado día 25 de febreiro,
forzas sindicais foran convocadas para distribuírenlles información
relativa a tendas, locais e almacéns que estarían afectados polo
Expediente.
De súpeto os medios comezan a emitir información sobre o líder do fondo de investimentos LetterOne, Mikhail Fridman. A Fiscalía investiga a este empresario e investidor como presunto membro dunha trama criminal.
Mesmo o Departamento de Xustiza dos Estados Unidos pedíu á Fiscalía
Anticorrupción española que actuase de maneira inmediata. As últimas
informacións apuntan que España deixaría en mans de EE UU debido ao
sobredimensionamento do caso.
FRIDMAN E O “PRESTIGE”
Mikhail Fridman é un cidadán de orixe xudeo-ucraína
e con dobre nacionalidade, rusa e israelí. Estudou enxeñería durante os
anos da URSS e logo, aproveitando os procesos de apertura do réxime
soviético durante o goberno de Gorbachov, foi abrindo pequenos negocios
con colegas da universidade. Licenciado como enxeñeiro experto en metais
e aleacións, fundou primeiro Curier, empresa de aluguer de pisos e logo
Alfa Eco, importadora de computadoras de segunda man e outros produtos
occidentais como tabaco e roupa.
O diñeiro sacado destas operacións permitiu que Fridman fose ampliando o
seu abano de negocios ata chegar a sociedades de investimento en
empresas petroleiras. Así, creou Alfa Group, empresa financeira que sería a propietaria de Crown Resources. Esta empresa tiña sede en Zug, Suíza, e era a propietaria do fueloil que transportaba o buque “Prestige” cando afundiu diante da Costa da Morte o 19 de novembro de 2002.
Logo do afundimento, e debido á “mala imaxe” que transmitía, Crown Resources foi vendida e logo rebautizada como Energy, Resources and Commodities Trading Company (ERC). GC
publicou unha amplísima e exclusiva reportaxe de investigación con
información sobre aquelas operacións e os negocios sucios de Fridman.
Mikhail Fridman non parou e continuou cos seus negocios, ás veces non
tan claros para as autoridades fiscais internacionais. Mesmo houbo voces
que o apuntaban como presunto autor de accións fraudulentas no intercambio de petróleo por alimentos
durante o embargo a Irak. Tamén entrou en enfrontamentos con outras
empresas enerxéticas como BP (British Petroleum) coa que chegou a
fusionar o seu conglomerado empresarial e petroleiro. Logo duns anos,
vendeu todas as súas participacións na sociedade con BP e co diñeiro
fundou LetterOne (L1).
O DESEMBARCO EN DIA
O grupo LetterOne entrou en DIA o ano 2017, mercando un 10% do capital.
Pasado un tempo, acabou sendo o propietario do 25% do capital da
empresa. A cuestión é que Fridman, cabeza de LetterOne, non está
conforme co que ten e agora quere a compañía enteira. As manobras do
millonario ruso incluían esperar que os prezos das accións de DIA fosen caendo para despois emitir unha OPA e quedar con todo o capital da compañía.
A cuestión é que as autoridades internacionais que controlan as compras
e vendas de activos e valores, están en alerta diante das manobras
especulativas tanto de Fridman como doutros magnates, pois algúns destes
investimentos son considerados como vías de branqueo de diñeiro. Mesmo
apuntan desde as Nacións Unidas, ONU, a posibilidade de estaren
incumprindo os puntos relativos á “Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción”.
O motivo polo que LetterOne desembarcou en DIA foi aproveitar un momento de debilidade financeira da compañía española,
que ademais, buscaba reestruturarse para afrontar perdas. O estraño do
caso é que a caída de valor da empresa foi moi rápida e sospeitosa. Por
iso houbo quen avisou á Comisión Nacional del Mercado de Valores para
que iniciase as investigacións necesarias.
O vindeiro día 20 de marzo haberá unha reunión de accionistas do Grupo
DIA.
Daquela verase cal é o poder de decisión do 70% do accionariado
fronte ao 30% de Fridman e LetterOne. Mentres tanto, a actual dirección do grupo quere negociar un ERE sen garantías.
O día catro de marzo habería unha xuntanza entre dirección e sindicatos
para tratar o expediente, pero de momento está todo no aire e os
traballadores e traballadoras esperan unha resposta no medio de toda
esta confusión." (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 26/02/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario