23.6.22

“A A-6 naceu defectuosa por unha cuestión política, de prazos electorais”... Un informe apuntaba que se “aforrou material” no tramo da A-6 colapsado levando “ao límite as posibilidades de prefabricación”

 "Na revisión realizada no verán 2021 atopáronse “altos niveis de corrosión no cableado da infraestrutura”.

 Nos últimos días, especialistas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, entre eles varios enxeñeiros de camiños, estudan o que puido pasar para que colapasara, por dúas veces, o viaducto do Castro na A-6, entre os municipios de Pedrafita e Vega do Valcárcel. Un colapso no que, afortunadamente non houbo feridos, xa que ese tramo leva desde o verán pasado cortado ao detectarse irregularidades.

 Precisamente, un informe realizado en 2003 e publicado na Revista de Obras Públicas, alertaba que nalgún dos tramos construídos entón, en concreto o que colapsou, optouse por “llevar al límite las posibilidades de prefabricación, obteniendo estruturas muy esbeltas, con un importante ahorro de material y una gran calidad final”.

Este estudo, realizado polos enxeñeiros de camiños Ángel González del Río e Ángel D. Martínez Cela, precisamente, os responsables dos tramos Vilafranca-Castro/Lamas e Castro/Lamas Cereixal, se indica que, na construción dos distintos tramos “se emplearon todo tipo de soluciones, desde las más industrializadas, construyendo viaductos casi íntegramente con elementos prefabricados, hasta los casos no vistos en España hasta la fecha, con dovelas prefabricadas para las dos calzadas con luces de 75 m”.

O informe indica que, noutros casos, optouse pola “ejecución del tradicional método de los voladizos sucesivos, en los casos de mayor luz entre apoyos de la autovía del noroeste, con 140 m, o casos intermedios de viaductos de gran porte en el que se llevan al límite las posibilidades de prefabricación, obteniendo estructuras muy esbeltas, con un importante ahorro de material y una gran calidad final”.

"ALTOS NIVELES DE CORROSIÓN"

O responsable de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Javier Herro, explicaba hai uns días, tras o colapso do viaduto, que durante o pasado verán decretouse o peche do mesmo despois de que fosen detectados “altos niveis de corrosión no cableado da infraestrutura”, cuxa reparación é responsabilidade dunha empresa galega "de referencia a nivel internacional".  Segundo especialistas en infraestruturas consultados por GC no caso do viaduto que caiu utilizáronse “estruturas isostáticas” que son prefabricados con cables de aceiro conectado entre eles.

 Herrero defendeu que a actuación de Goberno español e concesionaria foron os correctos e que o colapso puido deberse a un vicio na infraestrutura que non fora detectado até o momento ou que se desencadeou a consecuencia dos traballos. Con todo, pediu prudencia até coñecer as causas dun suceso que, segundo Ferreiro, carece de antecedentes na historia da enxeñaría civil de España.

  Deste xeito, avanzou que se revisarán todos os elementos da infraestrutura, incluída as cimentacións sobre as que se asintan todos os alicerces do viaduto, ademais de proceder a tirar o van do viaduto que está desprazado como consecuencia do derrube, que motivará o peche indefinido da principal arteria de comunicación entre Galicia e o centro da Península."            (Xurxo Salgado, Galicia Confidencial, 21/06/22)

 

 "Antón Bao, ex tenente de alcalde de Lugo e ex vicepresidente da Deputación, ocupaba en 1999 unha acta de concelleiro, polo BNG, en Becerreá. 

Xa daquela denunciaba a “chapuza” que representaba, ao seu ver, a construción da A-6. Foi un dos protagonistas das múltiples mobilizacións que decorreron contra a construción dunha autovía hoxe en sospeita, após os recentes derrubamentos de dous tramos do viario.

Os cruzamentos de acusacións entre partidos políticos están a ser unha constante hoxe en día, en relación ao estado da autovía A-6, mais vostede, co BNG, xa advertira en 1999 da “chapuza” da construción do viario.

No seu momento, advertimos dos porqués do cambio de trazado da A-6 ao seu paso por Becerreá, unha mudanza que se produciu de súpeto. De formularse tras unha montaña para enlazala perto de Baralla, pasou a traerse máis a carón da vila, atravesando unha aldea, cun grande impacto ecolóxico no patrimonio natural.

A que se debeu ese cambio no trazado?

Por unha parte, a acurtar os prazos de execución. Basicamente, unha cuestión de oportunismo electoral. E, por outra, dicíase que o cambio comportaría unha rebaixa económica, mais non foi tal, porque houbo que construír un túnel que encareceu esas previsións. Lembro o daquela alcalde de Becerreá, Antonio Fernández Pombo, do Partido Popular, salientar a importancia de que se vise a autovía desde a vila.

Como foron as mobilizacións?

 A mudanza no trazado supuxo unha afectación moi importante e parte da poboación sentiuse indignada. Unha das aldeas, Ouselle, foi atravesada polo viario até o punto de situaren as trabes no medio e medio dela. Falamos dunha zona paisaxística de relevancia, perto de Cereixal. Levantámonos contra ese cambio de trazado tanto o BNG como Adega, da man de Daniel López Bispo, e moitas veciñas e veciños afectados.

Houbo unha forte oposición á autovía: manifestacións en Becerreá, fechamento de negocios durante días para apoiar as reivindicacións... e acabamos póndonos diante das máquinas, parando as obras. Non nos convencían as explicacións, tratábase dunha decisión política, non técnica, e foi entón cando empezou a ensarillarse a construción da A-6.

Precisamente, por parar as obras acabaron no cuartel da Garda Civil.

Esas mobilizacións foron o meu bautismo político, dalgunha maneira. As eleccións foran en maio, e en xuño comezamos coas protestas. O daquela delegado do Goberno español, Diz Guedes, ordenou a nosa detención, e a Garda Civil levounos, amigabelmente, ao cuartel, onde permanecemos unhas horas e onde nos tomaron declaración. Chegaron a presentar unha denuncia contra nós, e nós tamén presentaramos demanda xudicial. Nesas semanas, viñera Manuel Monge presentar a Becerreá un libro que escribira sobre a construción de autovías.

E da rúa pasou tamén ao Parlamento.

Todo isto tivo moita repercusión, sobre todo no Parlamento galego, onde ‘Milucho’ [Emilio López Pérez] presentou unha interpelación e conseguiu que o daquela conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas, Xosé Cuíña, viñese a Becerreá. Reuniuse alí connosco, viu os cambios do trazado e textualmente dixo que se fose el quen mandase, a mudanza non se faría. Cuíña non concordaba co cambio de trazado. Fraga, pola súa parte, dedicounos algún exabrupto.

En conclusión, a construción desa autovía fíxose pura e exclusivamente baseada nos apuros electorais, políticos, e non me estraña que se produciran os derrubamentos. As présas por rematala, as diferenzas económicas entre contratos e a execución influíron á hora de pasar o que pasou en Veiga de Valcárcel, así como co deterioro do viario. Hai unha falta de mantemento que é evidente. Se circulas por Baralla, entre Becerreá, Lugo e As Nogais, ves que o firme está cheo de fochancas, moi estragado. Parchean de cando en vez, mais aos poucos meses, volta o deterioro.

Tamén repararon partes estruturais dos viadutos.

Nos últimos anos, fixéronse obras de reparación nas partes metálicas das pontes, pola parte inferior, afectadas polo óxido. En parte, supoño que debido ás nevaradas do inverno, que se combaten co sal sobre o firme e o sal resulta agresivo para esas zonas metálicas. Eu non son técnico, mais a A-6 naceu defectuosa. Atreveríame a dicilo nun 98%. Debeuse a unha cuestión política, polas présas electorais, e aí están as consecuencias graves que hoxe sufrimos."              (Nós, 22/06/22)

No hay comentarios: