6.3.14

O pagamento en B do PP de Pontevedra a Rajoy: en sobres de cor marrón, con 25.000 euros

"O PP de Pontevedra volve saír en informes e documentos relacionados con pagamentos en B e cartos en sobres. Agora é a Intervención Xeral da Administración do Estado quen pousou a lente sobre o Partido Popular pontevedrés, segundo informa a Cadena Ser.

 E faino para dar ''verosimilitude'' á versión de Luís Bárcenas sobre o pagamento de cartos en B a Mariano Rajoy e Dolores de Cospedal en 2010.

Na declaración do 15 de xullo o ex-tesoureiro do PP afirmou que os pagamentos en B continuaran máis aló de 2008 (ano no que acababan os coñecidos como 'papeis de Bárcenas'). Referiuse a un embargo de 160.000 euros na conta da sede central popular por mor dunha débeda do PP de Pontevedra. 

Bárcenas afirmou que no ano 2010 recibiron 50.000 euros en cartos en negro do PP de Pontevedra por esa débeda. Un diñeiro que se entregou “en man e en sobres de cor marrón” a Mariano Rajoy e Dolores de Cospedal. 25.000 euros para cada un, en sobres de 500 euros.
 
Como sinala a SER, o informe feito por Intervención acredita o dito polo ex-tesoureiro do embargo de Pontevedra e que foi asumido pola sede central do PP. Tamén acredita, tal e como afirmou o ex-tesoureiro, que o PP pontevedrés non devolveu a débeda por “conduto oficial algún”.

As fontes xurídicas consultadas pola cadea consideran que os dados do informe dan “credibilidade” á versión de Bárcenas. Máis un indicia, apuntan, aos xa existentes até agora sobre os pagamentos en B.

Aliás, o ex-xerente do PP Cristóbal Páez recoñeceu en agosto pasado ante o xuíz a existencia do embargo pola débeda do PP de Pontevedra e que eses cartos non chegaron por conduto oficial."               (Sermos Galiza, 05/03/2014)

No hay comentarios: