28.1.13

A pista arxentina do cerebro dos pagos en "B" do PP, e o caso de evasión fiscal ven de lonxe. O sistema foi instaurado durante o mandato de Fraga e continuou con Aznar e Rajoy

"Ángel Sanchís Perales foi o home de finanzas de Manuel Fraga e o auténtico cerebro do presunto financiamento ilegal dentro do PP. As súas actividades comezaron a finais dos anos oitenta e chegan ata os nosos días. 

De feito, Sanchís foi o home que, supostamente, se encargou de "limpar" a conta que Luís Bárcenas tiña en Suíza por un valor de 22 millóns de euros.
Esta relación ente os dous cimentouse, precisamente, a finais dos oitenta. Bárcenas é desde hai 20 anos socio de Sanchís, que foi tesoureiro do PP até 1988 e que foi quen introduciu a Bárcenas no control dos cartos do PP.

A vinculación entre os dous é moi estreita e dela eran conscientes os principais dirixentes populares, desde Manuel Fraga ata Mariano Rajoy, pasando por José María Aznar. De feito, Bárcenas ten 8.000 accións --supostamente a nome da súa muller-- nun latifundio de 30.000 hectáreas na provincia arxentina de Salta á fronte da que se achan Sanchís e os seus tres fillos.
 Esta leira, que equivale tres veces a extensión de Barcelona capital, está dedicada á exportación de cítricos e millo a Europa e chegou a ter 1.700 empregados e uns beneficios millonarios.
Sanchís posúe esta finca desde 1978 que chega a procesar 1.000 toneladas de limóns ao día en plena colleita. O Instituto de Crédito Oficial (ICO) concedeulle un préstamo de 18 millóns de dólares, con Aznar de presidente do Goberno.
  
O primeiro en vincular a Sanchís con esta finca foi o xornalista galego Perfecto Conde nunha viaxe que fixo a Arxentina. Era o ano 1985, Conde traballaba entón para Interviu e andaba na procura dun fuxido da Xustiza española, o diplomático Francisco Javier Palazón, que sendo cónsul de España en Xenebra actuou de intermediario para que coñecidos representantes da vida social e artística de España levasen a cabo substanciosas evasións de capitais que remataban nos pouco escrupulosos bancos de Suiza. Un procedemento que, pouco despois, utilizaría o propio Sanchís e Bárcenas.
Perfecto Conde deu con este feito de casualidade. Ao preguntar en Salta por Palazón dixeronlle que alí o tiña unha gran finca era o "líder da oposición en España". Non era Fraga, era un das súas mans dereitas entón; Sanchís. Así o relata o xornalista no seu blog:
"Tardei pouco en averiguar que non era de Manuel Fraga senón do seu amigo Ángel Sanchís Perales, daquela tesoreiro de Alianza Popular, hoxe Partido Popular.
Pedinlle cita e tardou pouco en recibirme no seu despacho da rúa Génova de Madrid, na sede do partido no que se ocupaba das finanzas e da tesourería. De entrada foi moi amábel e receptivo comigo. Funlle dando a saber o que quería averiguar e, nun momento dado, cambiou radicalmente a súa atitude.
–Has saber –díxome moi contundentemente– que eu son moi amigo do presidente do Grupo Zeta, Antonio Asensio. Mesmo temos xuntos algún negocio (polo visto compartiran unha pequena empresa de cintas de video e acostumaban tomar algunha copa xuntos en Marbella).
A un xornalista non lle gusta nada atoparse con estas cousas, que nunca se sabe por onde poden tirar. Pero eu, que non son valente pero si abondo arroutado para facer coma os gatos cando teñen que rabuñar, inchei o peito e non me deixei apoucar máis do estritamente necesario.
–Paréceme moi ben –díxenlle con toda a retranca que puiden tirar de min–. Antonio Asensio, ademais de ser o meu patrón, é unha excelente persoa que pode encher de satisfacción a quen goce da súa amizade.
O caso foi que eu volvín á Redacción algo estarrecido daquela entrevista. Contéilloo todo ao meu director e, poucos minutos máis tarde, mandoume chamar Antonio Asensio. Subín á sexta planta da sede do Grupo Zeta, no número 8 da rúa O’Donnell de Madrid. Os de Interviú estabamos no quinto andar. O dono de Zeta pediume que lle detallase todo o acontecido con Sanchís. Escoitoume moi atentamente e cando rematei preguntoume:
–Todo isto que me estás dicindo telo abondo atado?
–Coido que si, respondinlle eu.
–Pois baixa inmediatamente e ponte a escribilo e dille ao director que se publique no próximo número. E, por certo, se lle podes engadir algo máis aínda á túa reportaxe, métello, carajo. Que se entere ese cabrón.
Aquela foi unha das veces que eu admirei e respectei máis a Antonio Asensio. Que pena que morrese tan novo! Non volveu haber editores coma el nunca máis en España. E boa falta facía que os houbese agora.
Escribo todo isto chocado polos acontecementos destes días, que se relacionan coa endémicas trapalladas que padece o Partido Popular. Paréceme como se estivésemos dando voltas enriba da mesma noria sempre. Rosendo Naseiro, Ángel Sánchís Perales, Luis Bárcenas... Onde iremos parar se se acaba Valderrama?".  (...)

Sanchís acabou salpicado polo caso Naseiro, tamén relacionado con financiamento irregular do PP, pero continuou como dirixente do PP e mesmo deputado no Congreso. O sistema das caixas "B" que puxo en marcha na súa época de xefe de finanzas foi seguida polos seus sucesores, entre eles, o propio Bárcenas. 
Este modelo de pagos en negro tamén o utilizaron algúns dirixentes populares en varias autonomías. Segundo un informe da Policía no sumario Gürtel,  Pablo Crespo, que chegou a desempeñar o cargo de secretario de Organización do partido en Galicia, argallaou o pago en negro de moitos dos actos electorais dos conservadores no país.
GC publicou esta semana as relacións da trama Gürtel cos líderes do PPdeG de antes e de agora. Entre eles un ex-presidente do PP en Arxentina e membro do comité de campaña nas últimas eleccións autonómicas.
Entre as conversas organizadas incautadas hai unha conversa co seu avogado na cadea que deixa en evidencia o uso de diñeiro negro no PPdeG durante a súa etapa:
"Pablo Crespo: Han abierto una caja de seguridad que tenía yo en Pontevedra, donde yo tenía toda la información económica de toda mi gestión como secretario de Organización del PP de Galicia durante cuatro años, cuatro ejercicios completos, entonces ahí hay una documentación ordenada por mí en su día, porque cuando me marché quería dejar las cosas claras. 
Porque allí había documentación que correspondía de 1996 hasta mediados de 1999 y esa documentación económica pura, gastos del partido, y una relación de ingresos y gastos, sin especificar quién ingresaba. Eso va a traer cola cuando se levante el secreto de sumario".    (Galicia Confidencial, 24/01/2013)

No hay comentarios: